martes, 10 de marzo de 2009

Retiran o poste de iluminación do colexio de Sanguiñeda

Toda a actaulidade de Mos



Este fin de semana procedeuse a retirar o poste de iluminación que se atopaba no medio do patio do colexio de Sanguiñeda, en Mos. Na obra procedeuse á demolición do bloque e ao enterramento da liña de alta tensión, situada nas inmediacións do CEIP Mestre Valverde Maio.


O edil de iluminación, Luis Alonso Seijo, presenciou e supervisou os traballos, que se prolongaron durante un día completo e foron acometidos de forma conxunta por operarios do Concello de Mos e da empresa Fenosa, titular do tendido eléctrico no municipio.

Alonso Seijo asegurou estar «satisfeito coa demolición do poste do colexio de Sanguiñeda, xa que era unha reivindicación que tanto ou profesorado coma vos pais do alumnado levaban reclamando clamorosamente dende fai moitos anos, e por fin produciuse».

Outras obras
O concelleiro comparou a importancia da obra que se acaba de acometer coa realizada hai pouco na zona de Puxeiros. Nesta área procedeuse a enterrar as liñas de alta tensión que discorrían desde o centro de saúde e ata o alto da parroquia.

Fonte: lavozdegalicia

Mos revisará o transporte entre parroquias ante a falta de usuarios

Toda a actualidade de Mos

O Concello asegura que non retirará o servizo de autobús aínda que a media de veciños é de dez ao día

Cando naceu fai catro meses foi a envexa dos concellos próximos. A punta de lanza do futuro transporte metropolitano. Con todo, o balance tras o período de probas non é bo. Neste tempo o autobús que comunica as parroquias de Mos co centro de Vigo e O Porriño tan só foi utilizado por unha media de dez usuarios ao día. A pesar de todo, a súa supervivencia non está en dúbida. «O público que ten, aínda que escaso, é xente que necesita este medio de transporte, que non ten outro para achegarse ao centro de saúde ou a Vigo», apuntaron desde o Concello. Os horarios con maior éxito son os de primeira hora da mañá e o prezo, na actualidade, continúa sendo o mesmo que se pagaba cando foi inaugurado, un máximo de 2,30 euros por viaxe.
Con todo, será necesaria unha revisión do sistema para intentar optimizar a conexión. Na actualidade a frecuencia é de cinco viaxes diarias e, a pesar de que en febreiro caducou o prazo dado pola Xunta, continúa.

Outras conexións
«Imos ter que revisar as paradas e intentaremos unir máis parroquias con tres liñas distintas», aseguran desde o goberno local. Para realizar estes cambios e poder continuar cos baixos custos será necesario contar co apoio da Consellería de Transporte, impulsora desta medida.

O recente cambio de goberno na Xunta retardou as negociacións, pero o Concello espera contar coa colaboración do departamento. De non ser así, exponse afrontar o gasto de forma unilateral se chegado o caso, fose necesario, recordan desde a área de Transporte do municipio.

A idea é non deixar aos usuarios, sobre todo maiores, sen esta posibilidade que tanto se reclamou desde as asociacións veciñais do municipio. Precisamente foi con elas con quen se acordou o traxecto e as paradas dos autobuses, o que non impediu que a demanda sexa moi baixa.

A anterior alternativa que tiñan para poder viaxar ata Vigo era achegarse ao Porriño e coller os buses que, de forma directa e a través da autovía, chegan á cidade. Ademais, a liña que parte desde As Neves e pasa por catro concellos máis para chegar ao Meixoeiro tamén realizaba no pasado varias paradas no concello de Mos, aínda que nos últimos tempos atallaba pola autovía.

Fonte: lavozdegalicia

O Concello mosense ofrece a través da Omix campamentos en toda Galicia e noutras comunidades

Toda a actualidade de Mos

A Concellaría de Participación Cidadá, dirixida por Julia Loureiro Campo, informa á poboación de Mos que dende o día 10 de marzo e ata o 24, se abre o prazo para presentar as solicitudes de participación nos campamentos de Verán, dentro do programa Campaña de Verán- 2009 que convoca a Vicepresidecia de Igualdade e do Benestar. A campaña dirixida ás mozas/os de 9 17 anos, ten como obxectivo básico a promoción e organización de actividades de animación sociocultural destinadas á mocidade no ámbito da utilización do tempo libre.

Os participantes na Campaña disporán de servizos como: aloxamento, manutención en réxime de pensión completa, o apoio de persoal técnico especializado, atención sanitaria de primeiros auxilios e o transporte desde Santiago de Compostela ata o lugar de destino, cando o campamento radique noutras comunidades autónomas.

Os campamentos nos que se desenvolverá esta Campaña, están situados en toda Galicia e noutras comunidades autónomas como, País Vasco, Cantabria, Extremadura, Aragón, Murcia ou Navarra. Entre as modalidades contempladas nos campamentos destácanse as de náutica, montañismo, actividades de mar e natureza.

As persoas interesadas en obter máis información, poden facelo a través da oficina da Omix, no departamento de Participación cidadá, ou no teléfono 986 339 404 e no correo electrónico omix@concellomos.es

Fonte: vigometropolitano