martes, 3 de marzo de 2009

Un incendio destrúe sete hectáreas de monte e ameaza unha casa mosense



Un veciño trata de extinguir as chamas cos seus medios, onte en Mos

Un incendio forestal destruíu onte tarde ao redor de sete hectáreas de monte na zona da piscina climatizada, un centro de ensino e o pavillón Oscar Pereiro da localidade de Mos.

Segundo varias testemuñas temíase que as chamas chegasen ás vivendas da Costoia e Pedreira, especialmente a unha delas.

As chamas estendéronse rapidamente pola zona e na súa extinción participaron tres helicópteros, tres motobombas e o equipo de Protección Civil de Redondela. Ademais dos medios da Consellería de Medio Rural, á extinción do lume acudiron bombeiros do Parque Comarcal de Porriño.

Bombeiros comarcais
Fontes do Concello de Mos aseguraron que os medios de extinción inicialmente eran insuficientes "xa que só nos enviaron un vehículo, pero sen cuadrilla e o condutor non deixaba que usasemos a mangueira", informou o edil Alberto Méndez.

Posteriormente avisáronse a máis medios entre eles os bombeiros do Parque Comarcal.
Ademais dos equipos de extinción varios veciños tamén realizaron labores para evitar que o lume afectase ás vivendas.

Onte foi un día complicado nas comarcas do Condado e Louriña, pois se produciron outros incendios á mesma hora. Nunha leira de Salvaterra por unha banda e nunha zona de matogueira moi preto do túnel da Cañiza e próximo á A-52. Neste caso temíase que as chamas afectasen á circulación da autovía polo que os bombeiros acudiron para proceder á extinción.

Fonte: farodevigo

Catro persoas detidas por suposto tráfico de drogas en Mos



A Garda Civil necesitou a axuda do dono dun bar para entrar e deter a catro persoas, entre elas o pai do propietario, por suposto tráfico de drogas

Todo o mundo escoitou algunha vez o de que o local se reserva o dereito de admisión. Unha bonita forma de impedir o paso ao gusto. O uso de tenis, os vaqueiros vellos ou o chándal parecen condenados a desaparecer da vestimenta habitual se un non quere ter problemas. Claro que de todas estas peculiaridades, a ninguén se lle ocorre incluír os uniformes do persoal de seguridade.

Se do outro lado da porta os interesados en entrar van vestidos de verde e locen identificación da Garda Civil, as normas vólvense moito máis flexibles. Ou deberían, porque o de darlle coa porta no nariz á autoridade, xa é fariña doutro costal. E máis, se o que exerce de porteiro casual nin sequera é o dono do establecemento, como ocorreu o pasado fin de semana pasado no veciño municipio de Mos.

Ata alí achegáronse as patrullas do cuartel local seguindo a un vehículo que resultaba sospeitoso. Logo de continuar a súa pista discretamente, localizaron o Renault xunto a un bar de Puxeiros. Cando os axentes acudían ao establecemento, atopáronse coa oposición dos implicados, que se encerraron no local e bloquearon a porta para impedir a entrada.

Para poder acceder fixo falta a presenza do propietario do local. A pesar da oposición das persoas que estaban dentro, entre elas o pai do dono, ao final os responsables do cuartel puideron acceder ao establecemento. O panorama do interior confirmou as sospeitas da Garda Civil e xustificou as intencións dos implicados de negar o acceso, nunha moi libre interpretación do dereito de admisión.

Logo dunha inspección a fondo, atopouse no lugar unha pedra de cocaína de gran pureza, que supuxese no mercado un número elevado de dose de cocaína, así como diversos útiles para preparala e consumila.

Por estes motivos, procedeuse á detención de T.M.D. de 48 anos de idade e veciño de Vigo, a M.M.C.M. de 37 anos, a G.A.P. da mesma idade que o anterior e a R.V.M. de 40 anos, nestes tres casos veciños nacidos en Mos.

Insultos e resistencia
Os catro veciños están acusados como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, por tráfico de drogas. Ademais, aos dous primeiros implicados impútaselles tamén un delito de desobediencia grave, resistencia, insultos e ameazas a axentes da autoridade.

O suceso, que tivo lugar sobre as 22.30 horas, chamou a atención de veciños e viandantes, debido a que o bar se atopa nunha céntrica rúa do núcleo urbano de Puxeiros.

A identificación dos catro detidos descubriu un historial delituoso amplo, polo que pasaron a disposición do xulgado de instrución número 2 do Porriño. Os axentes continúan coa investigación e onte mesmo podíase ver un coche patrulla da Garda Civil xunto ao establecemento.

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


Fonte: lavozdegalicia e CRTVG

Avelina Martínez inaugura no Concello de Mos unha mostra de pintura que conmemora o Día da Muller


A artista mosense exporá a súa obra ata o venres no salón de actos da Casa Consistorial

A pintora mosense Avelina Martínez Rivera inaugurou unha exposición instalada no salón de actos da Casa Consistorial do Concello de Mos con motivo da celebración, o vindeiro domingo, día 8 de Marzo, do Día Internacional da Muller.

A mostra desta artista que asina como Vely, enmárcase no programa de actividades organizado pola concellería de Benestar Social, dirixida pola edil Ana María Rodríguez Cabaleiro, para conmemorar unha data tan significativa como é o Día da Muller. Os traballos de Vely estarán expostos no Concello dende hoxe, luns 2 de Marzo, ata o venres, día 6, en horario de 9.00 horas a 14.30 horas.

A entrada é libre. A colección de obras que se expón nesta mostra está constituída por unha serie de reproduccións de pinturas de autores de recoñecido prestixio a nivel mundial e ós que Avelina quere rendir homenaxe facendo unha revisión e reinterpretación das súas temáticas máis femininas. Así, a artista mosense pon especial énfase nos seus pintores galegos favoritos, entre os que se atopa Carlos Maside. Outros mestres da pintura nos que Martínez Rivera se inspira son Vincent Van Gogh, Fernando Botero, Gustave Caillebotte, Jean-Fraçois Millet, Alfonso Sucasas e Suárez Llanos.

Avelina Martínez declarou esta mañá, durante a inauguración da exposición sobre a súa obra, que “a miña única pretensión ó poñerme diante dun lenzo en branco é a de desfrutar coa arte e regalarlles os ollos ós espectadores dos meus cadros”. Asimesmo Avelina amosouse, como boa mosense, “moi orgullosa de poder expor no meu Concello”.

Fonte: apeneiradalourina