
Un veciño trata de extinguir as chamas cos seus medios, onte en Mos
Un incendio forestal destruíu onte tarde ao redor de sete hectáreas de monte na zona da piscina climatizada, un centro de ensino e o pavillón Oscar Pereiro da localidade de Mos.
Segundo varias testemuñas temíase que as chamas chegasen ás vivendas da Costoia e Pedreira, especialmente a unha delas.
As chamas estendéronse rapidamente pola zona e na súa extinción participaron tres helicópteros, tres motobombas e o equipo de Protección Civil de Redondela. Ademais dos medios da Consellería de Medio Rural, á extinción do lume acudiron bombeiros do Parque Comarcal de Porriño.
Bombeiros comarcais
Fontes do Concello de Mos aseguraron que os medios de extinción inicialmente eran insuficientes "xa que só nos enviaron un vehículo, pero sen cuadrilla e o condutor non deixaba que usasemos a mangueira", informou o edil Alberto Méndez.
Posteriormente avisáronse a máis medios entre eles os bombeiros do Parque Comarcal.
Ademais dos equipos de extinción varios veciños tamén realizaron labores para evitar que o lume afectase ás vivendas.
Onte foi un día complicado nas comarcas do Condado e Louriña, pois se produciron outros incendios á mesma hora. Nunha leira de Salvaterra por unha banda e nunha zona de matogueira moi preto do túnel da Cañiza e próximo á A-52. Neste caso temíase que as chamas afectasen á circulación da autovía polo que os bombeiros acudiron para proceder á extinción.
Fonte: farodevigo
No hay comentarios:
Publicar un comentario