
A artista mosense exporá a súa obra ata o venres no salón de actos da Casa Consistorial
A pintora mosense Avelina Martínez Rivera inaugurou unha exposición instalada no salón de actos da Casa Consistorial do Concello de Mos con motivo da celebración, o vindeiro domingo, día 8 de Marzo, do Día Internacional da Muller.
A mostra desta artista que asina como Vely, enmárcase no programa de actividades organizado pola concellería de Benestar Social, dirixida pola edil Ana María Rodríguez Cabaleiro, para conmemorar unha data tan significativa como é o Día da Muller. Os traballos de Vely estarán expostos no Concello dende hoxe, luns 2 de Marzo, ata o venres, día 6, en horario de 9.00 horas a 14.30 horas.
A entrada é libre. A colección de obras que se expón nesta mostra está constituída por unha serie de reproduccións de pinturas de autores de recoñecido prestixio a nivel mundial e ós que Avelina quere rendir homenaxe facendo unha revisión e reinterpretación das súas temáticas máis femininas. Así, a artista mosense pon especial énfase nos seus pintores galegos favoritos, entre os que se atopa Carlos Maside. Outros mestres da pintura nos que Martínez Rivera se inspira son Vincent Van Gogh, Fernando Botero, Gustave Caillebotte, Jean-Fraçois Millet, Alfonso Sucasas e Suárez Llanos.
Avelina Martínez declarou esta mañá, durante a inauguración da exposición sobre a súa obra, que “a miña única pretensión ó poñerme diante dun lenzo en branco é a de desfrutar coa arte e regalarlles os ollos ós espectadores dos meus cadros”. Asimesmo Avelina amosouse, como boa mosense, “moi orgullosa de poder expor no meu Concello”.
Fonte: apeneiradalourina
No hay comentarios:
Publicar un comentario