viernes, 3 de abril de 2009

Aprendendo a cambiar un ‘bollycao’ por unha mazá

Toda a actualidade de Mos

É o que estiveron a facer ó longo da mañá os alumnos de 2º da ESO do IES de Mos coa axuda dunha nutricionista que clausurou o proxecto 'Almorzo'


Estefania Fragua e os alumnos

O programa piloto ‘Almorzos Saudables’ rematou onte no IES de Mos cunha actividade de clausura consistente en charlas dunha nutricionista profesional dirixidas ós alumnos de 2º da ESO que foron beneficiarios deste plan de almorzos.

Esta iniciativa, ó igual que o resto do programa piloto, está organizada pola concellería de Educación que dirixe a edil Julia Loureiro.

A técnico superior en Dietética e Nutrición que impartiu clases teórico-prácticas en horario de 8.30 horas a 14.10 horas chámase Estefanía Fragua Pérez e hoxe baseou o seu discurso en aportar pautas ós rapaces para que aprendan a alimentarse ben e sigan unha dieta equilibrada, segundo explicou. “É fundamental saber distrubuír a alimentación nos horarios e cantidades correctas, facer de tres a cinco comidas diarias, beber entre un litro e medio e dous litros de auga ó día, non restrinxir ningún tipo de alimentos e tomar comidas variadas”, dixo na primeira das súas charlas desta mañán, e insistiu tamén na importancia do exercicio físico para manter uns hábitos vitais saudables.

Estefanía Fragua considera como obxectivos fundamentais da súa labor, a concienciación, o aprendizaxe, a educación, a corrección de hábitos nocivos e que os alumnos lles trasladen ós seus pais o aprendido para poñelo en práctica na casa. Fragua Pérez insiste na importancia que cobra o papel dos proxenitores nas conductas alimentarias dos rapaces e asegura que “actividades coma esta non só deberían estar dirixidas ós estudiantes, senón tamén ós pais”.

A valoración desta nutricionista sobre o seu paso polo instituto mosense é “optimista”, segundo declarou, pero cre que “a pesares de que os rapaces se amosaron moi receptivos, aínda necesitan traballar moito máis sobre este tema”. Estefanía dí que “iniciativas como esta axudan a mellorar a alimentación dos máis xoves e, en consecuencia, a mellorar tamén a súa calidade de vida, dado que fomentan a diminución de enfermidades coma por exemplo a obesidade infantil”. “A pena é”, continúa, “que en xeral o sistema educativo actual non lle dá a importancia suficiente ó tema da alimentación”.

Fonte: VM
Artigo orixinal: http://www.vigometropolitano.com/news/163/ARTICLE/15331/2009-04-03.html

Celébrase este sábado no Multiusos das Pozas o II Aberto de Mos de Billarda e a gala final da liga LNB Sur 2008-2009

Toda a actualidade de Mos


O torneo comeza o 4 de abril a partir das 16 horas no exterior do Multiusos das Pozas, con inscrición libre e premios para os mellores xogadores e equipos

Este sábado ás 16 horas no exterior do Multiusos das Pozas, no concello de Mos, celebrarase o II Aberto de Mos de Billarda. O torneo está organizado pola LNB Sur, coa colaboración do Concello de Mos. No torneo participarán os xogadores e xogadoras dos 10 equipos que participan na LNB Sur (Conferencia Sur da Liga Nacional de Billarda). Pero ademais, a participación está aberta a todo o mundo, sen distinción de idade ou sexo. Os organizadores proveerán a todos os que se acheguen do material necesario para participar: tanto pinchas (ou billardas) como paláns (ou pateiros, que así se chaman os paus cos que se golpean as pinchas).

A participación no torneo é individual, e ademais poderán formarse equipos de máis de catro xogadores que sumarán os seus puntos para optar a proclamarse mellor equipo. A inscrición é gratuíta e non se require experiencia previa.

Último torneo da tempada 2008-2009 da LNB Sur
O de Mos é o torneo que cerra a tempada 2008-2009 da LNB Sur, a primeira tempada regular deste deporte que se organiza no Sur de Galicia. Na liga participaron máis de 150 xogadores e xogadoras de todas as idades, cunha asistencia media de 70 participantes por torneo. Desde setembro de 2008 ata abril deste ano celebráronse 8 torneos puntuables para esta liga: O Porriño (setembro), Moaña (outubro), Marín (novembro), Ponteareas (decembro), Vigo (xaneiro), Budiño (febreiro), Salceda de Caselas (marzo) e Mos (abril).

Na liga participan de forma regular 10 equipos. Cinco deles están formados basicamente por xogadores de Mos e O Porriño: Paquete Pinchas, Lideiras, Culombio, Se Foras Traballar e Branco e Negro. Completan a lista de equipos Almuinha (Marín), Faísca (Vigo), Treze Catorze (Salceda), Assembleia Aberta (Ponteareas) e Moaña (Moaña).

Que se decide este sábado?
Este sábado saberemos quen son os gañadores da LNB Sur, e quen se clasifica para desputar en Santiago de Compostela o 31 de maio o Play-Off Nacional, que reunirá os mellores de toda Galicia. Na clasificación individual xeral, todo se decidirá entre Rubén Otero (de Lideiras) e Chupi (de Paquete Pinchas). Na clasificación feminina, o campionato está entre Chus (de Se Foras Traballar) e Ana (de Assembleia Aberta). O equipo Paquete Pinchas xa ten asegurada a súa vitoria como mellor equipo da tempada.

Cal é o programa do sábado?
O programa deste sábado 4 de abril no Multiusos das Pozas (Mos) é o seguinte:

16:00h. Comezo do II Aberto de Billarda de Mos
19:00h: Remate do aberto.
20:00h. Gala da LNB Sur, coa entrega de premios aos mellores da liga e a todos os equipos participantes.
20:30 concerto de O Leo i Arremecághona (cantautor punk).

Entre as 19:00 e as 20:30 o Concello organiza de forma simultánea actividades de malabares e percusión africana.

Fonte: A peneira da Louriña
Artigo orixinal: http://apeneiradalourina.wordpress.com/2009/04/03/celebrase-este-sabado-no-multiusos-das-pozas-o-ii-aberto-de-mos-de-billarda-e-a-gala-final-da-liga-lnb-sur-2008-2009/

Asodifisi e as Escravas da Virxe Dolorosa asinan un convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para adquirir senllos vehículos

Toda a actualidade de Mos

Ambas asociacións recibirán unha axuda para a compra dunha furgoneta que lles subvenciona case o 80% do seu custo total


Francisca Canal, con Nidia Arévalo e Ana Cabaleiro, en Asodifisi

A deputada Francisca Canal visitou Mos esta mañá para asinar un convenio de colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra coas Escravas da Virxe Dolorosa e Asodifisi (Asociación de Diminuídos Físicos e Síquicos de Mos) para a adquisición dun vehículo para cada unha destas organizacións.

Canal acudiu ós centros nos que se atopan instaladas sendas asociacións pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e a concelleira de Benestar Social, Ana Rodríguez.

Mediante a sinatura deste convenio as entidades beneficiarias poden adquirir un vehículo Citroën modelo Jumpy Combi 140 do que tan só terán que abonar o 23,1% do custo total de 27.621 euros. Dita porcentaxe ascende a 6.380,45 euros, cantidade que tamén aportará a Deputación. Os outros dous patrocinadores son Citröen e Caixanova. A empresa automovilística fai, en cada furgoneta, un desconto do 30,7 % e a caixa de aforros aporta, ó igual que a Deputación de Pontevedra, o restante 23,1% do importe total.

Tanto no caso das Escravas coma de Asodifisi, cada vehículo matricularase ó nome da asociación beneficiaria, pasando a pertencer íntegramente á mesma.

O investimento global do convenio entre Deputación Provincial de Pontevedra, Caixanova e Citroën ascende a 1.200.000 euros destinados á dotación de vehículos a institucións e entidades sociais sen ánimo de lucro, con fins asistenciais ou deportivos para o transporte de persoas.

Durante as dúas sinaturas de convenios que se produciron esta mañán en Mos a deputada, Francisca Canal, gabou o labor de integración social das dúas asociacións e calificounas como “especialmente merecedoras destas axudas, xa que o seu traballo a prol dos diminuídos é encomiable e ten verdadeiro mérito”. Asimesmo a rexedora municipal amosouse satisfeita con este convenio “que axudará a seguir traballando a tódolos membros destas organizacións que, desinteresadamente, apoian as persoas con discapacidades da localidade e, en moitos casos, de toda a comarca”.

Fonte: VM
Artigo orixinal: http://www.vigometropolitano.com/news/163/ARTICLE/15322/2009-04-02.html

jueves, 2 de abril de 2009

Un asesor enerxético resolve dúbidas ós usuarios unha vez ó mes no CDL mosense

Toda a actualidade de Mos

Trátase dun representante da Axencia da Enerxía de Vigo, que mantén un convenio co Concello de Mos

Un responsable da Axencia da Enerxía de Vigo, FAIMEVI, atende ó publico cada primeiro mércores de mes nas instalacións do CDL (Centro de Desenvolvemento Local) mosense para ofrecer asesoramento enerxético a tódolos veciños do municipio que o soliciten.

Esta iniciativa enmárcase no convenio que o Concello de Mos e FAIMEVI manteñen dende fai aproximadamente tres anos.

O experto en cuestión permanece no CDL en horario de mañá, de 9.00 horas a 14.00 horas, asesorando ós interesados sobre temas relacionados co aforro, a eficiencia enerxética e o fomento das enerxías renovables. Tamén ofrece asesoramento enerxético sobre outro tipo de enerxías, coma por exemplo as non renovables; e informa ós usuarios da localidade mosense que así o requiran, sobre que tipo de subvencións poden pedir neste senso e en que condicións se atopan para que lles sexan concedidas.

O vindeiro día que o representante da Axencia da Enerxía de Vigo atenderá ó publico no CDL de Mos será o mércores 6 de maio. Os interesados en ampliar información sobre este tema poden chamar ó número de teléfono 986 443 476.

Fonte: VM
Artigo orixinal: http://www.vigometropolitano.com/news/163/ARTICLE/15296/2009-04-02.html

Martínez Ojea asegura o BNG deixou a obra de San Eleuterio ‘encamiñada'

Toda a actualidade de Mos


O portavoz do BNG en Mos, Xosé Manuel Martínez Ojea, maniféstase sorprendido coas manifestacións realizadas desde o propio concello pola propia alcaldesa de Mos nos últimos días manifestando como unha consecución do seu partido as obras dos accesos a San Eleuterio.

Segundo afirma Martínez Ojea “probablemente, Nidia Arévalo esqueza que o Partido Popular estivera 15 anos seguidos no poder sin realizar ningunha actuación nos accesos a San Eleuterio permitindo que a Xunta construise esta urbanización sin ter uns accesos decentes e co perigo para as persoas que tiñan que desprazarse a pé desde esa urbanización”.

Por esta razón, o BNG critica que “desde o concello se estea enganando continuamente ós veciños e veciñas dicindo que en tres meses se fixeron as obras cando costou moito conseguir o pago dun proxecto de 475.000 euros que primeiro foi solicitado á Deputación Provincial polo propio voceiro que suscribe sin que desde este organismo se fixera nada ó respecto”. Posteriormente- sinalan- o proxecto foi presentado na Xunta onde “a conselleira Teresa Táboas sempre se mostrou disposta a realizar estas obras, algo que o BNG sempre lle agradecerá”.

O BNG quere aclarar asimesmo que oproxecto foi presentado ós veciños e veciñas da urbanización fai dous anos e comprendía o arranxo de todo o trazado ata chegar ó campo de futbol, aínda que despois houbo que recortar o traxecto por ter que acometer maior construcción de muros de contención co conseguinte encarecemento dos custes da obra. O BNG reconoce que as obras tardaron en comenzarse coincidindo co tempo en que o BNG non estivo no goberno de Mos, pero de ningún xeito se pode dicir que as obras quedaran sin facer ou sin presupostar.

Por esta razón, o BNG insta ó Partido Popular “a que consiga novas subvencións para obras novas e para reformas novas e para infraestructuras novas pero que baixo ningún concepto empregue as obras do BNG para quedar ben ante os veciños ou para facerse a foto que tanto lle gusta, porque os veciños e veciñas de San Eleuterio xa saben dabondo que as obras foron conseguidas polo BNG cando estaba no goberno de Mos e no goberno da Xunta de Galicia, que foi cando por vez primeira a Xunta de Galiza se comprometeu co goberno do concello de Mos”.

“A alcaldesa pretende mentir e enganar unha vez máis, e parécese ó cuco que pon os ovos nos niños dos demáis paxaros”, rematou dicindo o voceiro nacionalista.

Fonte: A peneira da Louriña
Artigo orixinal: http://apeneiradalourina.wordpress.com/2009/04/01/martinez-ojea-asegura-o-bng-deixou-a-obra-de-san-eleuterio-encaminada/

Inícianse as obras da ludoteca municipal que, previsiblemente, estarán rematadas despois de Semana Santa

Toda a actualidade de Mos


Ana Cabaleiro inspeccionando as obras

O Concello de Mos redactará un informe para asegurarse de que a ludoteca de San Rafael non teña deficiencias. O documento será presentado ante o Consorcio de Igualdade e Benestar para que repare os desperfectos que non están contemplados no proxecto da obra

A concelleira de Benestar Social, Ana Rodríguez, supervisou esta mañá acompañada dun técnico municipal as obras que o Consorcio de Igualdade e Benestar está a acometer no local no que se ubicará a futura ludoteca de San Rafael.

A edil mosense detectou deficiencias nas instalacións, cuio arranxo non está contemplado no proxecto da obra, como o estado dalgunhas ventás que son de ferro e están oxidadas, de xeito que ou xa non abren ou, como están protexidas con barrotes, a posibilidade de apertura é mínima dificultando a ventilación das aulas. Outro inconveniente que Rodríguez lle ve á futura ludoteca é que a entrada principal consiste nunha porta de rexas que deixará pasar o frío ou a calor, dependendo da estación, ó interior das instalacións, “e o peor é que os baños están en fronte desta porta co que os nenos terán que saír das aulas de xogos ó frío para poder usalos”, declarou a concelleira.

Trala visita matinal e vista a situación na que quedará a ludoteca unha vez reformada, Ana Rodríguez informou de que “a aparelladora municipal redactará un informe no que se detallen as deficiencias do centro para reclamar, presentando dito documento no Consorcio, que este acometa tódalas melloras que sexan necesarias para que as instalacións se adapten á perfección ó uso infantil”.

Rodríguez Cabaleiro criticou tamén que “esta obra levaba parada moito tempo, xa que dende xuño do ano pasado que se desaloxou ós usuarios iniciais deste centro para iniciar os traballos de adaptación, a reforma non se empezou e agora, tra-las eleccións autonómicas, adxudicouse á presa e comenzouse facendo as cousas mal”.

Fonte: VM
Artigo orixinal: http://www.vigometropolitano.com/news/163/ARTICLE/15280/2009-04-01.html

Nun masivo proceso de selección para unha área comercial predominaron os candidatos mosenses pola intermedicíón da concellería de Emprego e Formación

Toda a actualidade de Mos

Celebraronse onte no CDL as entrevistas para traballar na multinacional Kiabi


Durante o proceso de selección celebrado onte no CDL, foron entrevistadas 120 persoas das cales o 80% eran veciños de Mos

Ó longo do día de onte celebrouse no CDL, Centro de Desenvolvemeto Local, mosense un proceso de selección multitudinario de futuros traballadores da área comercial que se atopa xunto ó Hospital Meixoeiro.

Dito proceso de selección forma parte dun Plan de Acción Urxente, dirixido a paliar a perda de emprego entre os habitantes de Mos e nas empresas ubicadas na localidade, que promove a concellería de Formación e Emprego que dirixe o tenente de alcalde, Gerardo Alonso, en colaboración con AEMOS (Asociación de Empresarios de Mos). Este plan enmárcase dentro do Pacto Local polo Emprego que, a súa vez, supón unha das iniciativas incluídas no convenio de colaboración asinado entre Concello, AEMOS e Cogami en xaneiro deste ano.

Segundo informou Gerardo Alonso, durante o proceso de selección celebrado onte no CDL, foron entrevistadas 120 persoas das cales o 80% eran veciños de Mos. A empresa demandante de novos traballadores é a multinacional Kiabi, unha empresa de confección e téxtil que pertence ó grupo empresarial de Auchan ou Alcampo, Decathlon, Leroy Merlyn, Derauto e Pimkie.

Alonso destacou ademais desta actividade que “o máis importante é que forma parte dunha política proactiva de emprego, algo esencial nos tempos que corren para lograr mellorar a 'empregabilidade' dos desempregados do municipio”. “Nós non creamos postos de traballo, o que facemos é adecuar a formación dos parados adaptándoa ó que as empresas máis demandan en cada momento”, dixo.

Neste senso José González Pérez, responsable do Plan Experimental de Emprego, Insere, que remata o vindeiro 14 de abril, informou de que “Concello e Asociación de Empresarios de Mos levamos un ano traballando con 75 desempregados da zona dándolles formación, prácticas en empresas, intermediación laboral e incluso, como é o caso de hoxe, conseguíndolles entrevistas de traballo”. “O que facemos é unha prospección de mercado para dirixir ós demandantes de emprego cara ás ofertas maioritarias, en definitiva, buscamos un punto de encontro entre empresas e traballadores”, expuña González, quen espera que o proceso de selección de hoxe se covirta no “primeiro paso para unha gran proxección de mercado”.

Á súa vez, o xerente de AEMOS, Francisco Domínguez, declarou sobre a iniciativa levada a cabo hoxe no Centro de Desenvolvemento Local mosense que “debido á enorme destrucción de emprego que se está a producir na actualidade, ós técnicos deste ámbito temos que agudizar o inxenio ao máximo e buscar recursos ou deseñar estratexias coma este masivo proceso de selección, que podería ser a primeira pedra de un plan de choque contra o desemprego no municipio de Mos”. Segundo Domínguez, os interesados en optimizar a súa forma de buscar traballo reciben no CDL sesións de búsqueda activa de emprego nas que se lles explica ós asistentes como innovar respecto a outros candidatos ó mesmo posto e outras estratexias que, tal e como el mesmo manifestou, “poden levar a un desempregado a se-lo elixido”.

Francisco Domínguez explica tamén que a clave para que procesos de selección coma o de hoxe se repitan é que a empresa demandante de traballadores, que neste caso é Kiabi, “quede satisfeita e volte a requerir a nosa intermediación como fío conductor de futuras seleccións de persoal. En realidade nós aforrámoslle traballo á empresa en cuestión, xa que facemos a primeira criba de candidatos e poñemos á súa disposición as instalacións e infraestructuras do CDL para realizar entrevistas e presentacións”, explica o xerente da Asociación de Empresarios.

Polo momento, o certo é que o grupo empresarial ó que pertence Kiabi, que conta con máis de corenta tendas por todo o territorio español, quere abrir outras catro en Galicia, co que pasarían a ser sete en total na nosa comunidade autónoma. Ademais Francisco Domínguez adiantou esta mañá que “estamos a negociar, xunto co Plan Local de Emprego, con outras firmas do grupo Auchan a posibilidiade de organizar dende aquí novos procesos de selección”.

O tenente de alcalde quixo recordar tamén que “nos próximos días Cogami, AEMOS e responables da concellería de Formación e Emprego do Concello de Mos, empezaremos a traballar físicamente xuntos nas instalacións do CDL”.

Fonte: VM
Artigo orixinal: http://www.vigometropolitano.com/news/163/ARTICLE/15277/2009-04-01.html

miércoles, 1 de abril de 2009

Técnicos de emprego de Mos seleccionan persoal para unha nova fábrica téxtil

Toda a actualidade de Mos

O Centro de Desenvolvemento Local participa nun proceso ao que concorren 120 aspirantes

O Centro de Desarrolo Local de Mos iniciou onte un proceso de selección multitudinario de futuros traballadores para unha empresa de nova implantación na área comercial próxima a Puxeiros.

Este proceso de selección forma parte dun Plan de Acción Urxente, dirixido a paliar a perda de emprego entre os habitantes de Mos e nas empresas situadas na localidade, que promove a concellaría de Formación e Emprego que dirixe o tenente de alcalde, Gerardo Alonso, en colaboración con AEMOS -Asociación de Empresarios de Mos, cuxos técnicos realizan as probas aos aspirantes. Este plan enmárcase dentro do "Pacto Local polo Emprego" que, a súa vez, supón unha das iniciativas incluídas no convenio de colaboración asinado entre Concello, AEMOS e Cogami en xaneiro deste ano. Segundo informou Gerardo Alonso, durante procésoo de selección, foron entrevistadas 120 persoas das cales o 80% eran veciños. A empresa demandante de novos traballadores é a multinacional Kiabi, dedicada á confección e téxtil que pertence ao grupo empresarial de Auchan ou Alcampo, Decathlon, Leroy Merlyn, Derauto e Pimkie.

Alonso destacou ademais desta actividade que "o máis importante é que a actuación formarma parte dunha política proactiva de emprego, algo esencial nos tempos que corren para lograr mellorar as posibilidades de lograr un emprego dos despedidos do municipio". "Nós non creamos postos de traballo, o que facemos é adecuar a formación dos parados adaptándoa ao que as empresas máis demandan en cada momento", dixo.

Fonte: Faro de Vigo
Artigo orixinal: http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009040100_3_312261__Comarcas-Tecnicos-empleo-seleccionan-personal-para-nueva-fabrica-textil (edición en castelán)

A Alcaldesa visitou esta mañán as obras que están a ser acometidas e rematarán a finais de abril

Toda a actualidade de Mos

Gándara contará cun sistema de abastecemento no que se investirán máis de 100.000 euros


A alcaldesa e o concelleiro de limpeza

A Alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou hoxe xunto co concelleiro de Limpeza, Alberto Méndez, e técnicos municipais a obra de abastecemento de augas que se esta a acometer na Gándara, parroquia de Dornelas. A acometida da rede de abastecemento nesta zona divídese en dúas fases: ‘Gándara 1’ e ‘Gándara 2’, ambas prácticamente finalizadas. O orzamento total investido nesta obra ascende a 114.631 euros, dos cales 61.506 euros corresponden á fase ‘Gándara 1’ e os restantes 53.125, á ‘Gándara 2’.

A rexedora municipal declarou durante a súa visita matinal que “esta obra era de vital importancia para as zonas de Torroso e Dornelas e agora é xa unha realidade que estará rematada a finais do mes de abril”. Arévalo asegurou ademais que “espero que antes de que finalice o verán tódalas zonas urbanas da nosa localidade estean dotadas de sistema de abastecemento de auga potable”. E é que o goberno local mosense ten coma prioridade da súa xestión política dotar de saneamento e abastecemento a tódolos lugares do Concello xa que, segundo informou a Alcaldesa, “son os servicios máis demandados polos veciños e foron promesas electorais do noso partido en campaña, e que agora estamos a cumprir”.

Fonte: VM
Artigo orixinal: http://www.vigometropolitano.com/news/163/ARTICLE/15266/2009-03-31.html

martes, 31 de marzo de 2009

Cinco mozos saen feridos leves nun aparatoso accidente en Puxeiros

Toda a actualidade de Mos

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


Fonte: Informativos CRTVG
Artigo orixinal: http://www.agalega.info/videos/?emi=6630&corte=2009-03-30&hora=19:52:25&canle=tvg2

O Concello de Mos remata en tres meses unha obra que estivo paralizada cinco anos

Toda a actualidade de Mos

Trátase da mellora do acceso a San Eleuterio, que mañán verá acometida a súa última fase: o asfaltado da vía


Nidia Arévalo con traballadores do Concello

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou esta mañá as obras que se están a realizar no acceso a San Eleuterio e que están xa a piques de rematar. Mañá acometerase a última fase deste plan de mellora, consistente no asfaltado da calzada. Outras das actuacións que se levaron a cabo foron o ensanchamento do vial, acometida de beirarrúas e a instalación de farolas, entre outras. O orzamento total que se investiu neste proxecto de mellora do acceso a San Eleuterio ascende a 490.000 euros, segundo informaron fontes municipais.

A rexedora local declarouse esta mañá durante a súa visita ás obras “moi satisfeita, xa que en tres meses as melloras de acceso están prácticamente rematadas”. E é que, segundo Arévalo, “esta obra estivo paralizada durante cinco anos e a piques de perder a subvención da Consellería de Vivenda e Solo mentres gobernaron os anteriores dirixentes municipais, e agora nós en tres meses non só a iniciamos senón que a remataremos xa durante a xornada de mañán”.

Fonte: VM
Artigo orixinal: http://www.vigometropolitano.com/news/163/ARTICLE/15213/2009-03-30.html

Máis de 200 nenos celebraron onte a inauguración do novo parque da Pesqueira

Toda a actualidade de Mos

A xornada de lecer contou con tres xogos inchables, cucañas e a animación do Paiaso Popín

A xornada festiva e de lecer celebrada onte no parque da Pesqueira, na Gándara-Mos, “foi todo un éxito”, segundo declarou hoxe a alcaldesa, Nidia Arévalo. “Participaron da celebración máis de 200 nenos ó longo de toda a xornada, que puideron desfrutar xogando ás cucañas ou nos tres hinchables que se instalaron, ademais da animación realizada polo pallaso Popín”, informou a rexedora municipal.

A inauguración deste parque da Pesqueira é só a primeira actuación dun Plan de Parques e Xardíns que a alcaldía do Concello de Mos ten proxectado para todas as parroquias mosenses, xa que se instalará unha nova zona verde ou de lecer en cada unha de elas.

Arévalo considera este tipo de melloras “fundamentais, xa que supoñen un incremento e optimización do capital humano do municipio”, e así o manifestou hoxe mentres facía balance da xornada vivida onte no parque da Pesqueira. A rexedora local considera estas obras “un investimento nas persoas e un xeito de incidir directamente en beneficios para a súa calidade de vida”.

Asimesmo, a alcaldesa mosense quixo agradecerlle tamén á Fundación Pazo de Mos a cesión do terreo no que agora se atopa o parque da Pesqueira ó Concello para poder ubicar nel as novas instalacións que alí se atopan.

Fonte: VM
Artigo orixinal: http://www.vigometropolitano.com/news/163/ARTICLE/15212/2009-03-30.html

Recadados máis de 3.000 euros para a familia de Aguiño

Toda a actualidade de Mos


O presidente da asociación de veciños, á dereita, iniciou a campaña de recollida de fondos

A solidariedade planta cara á crise na parroquia de Sanguiñeda, en Mos, onde os veciños levan semanas recadando diñeiro para restaurar a casa queimada a finais de febreiro. O lume devorou a primeira planta e desestabilizou toda a estrutura polo que, ante a falta de recursos da familia de Rodrigo, a asociación veciñal da parroquia iniciou unha colecta que leva xa recadados máis de 3.000 euros.
Esta non é a única axuda que reciben. O Concello puxo a disposición do tío de Rodrigo e a súa nai, en cadeira de rodas, a colaboración do persoal técnico que é o que elabora o proxecto de reconstrución da casa.

«Todos estes traballos estanse acordando coa familia para deixar a casa nas mellores condicións posibles en canto a accesibilidade», apunta a concelleira de Servizos Sociais, Ana Rodríguez Cabaleiro. Mentres se redacta o proxecto e durante o tempo que tarden as obras, tamén se puxo a disposición dos afectados un piso protexido en San Eleuterio no que se realizaron os arranxos necesarios para os problemas de mobilidade da muller. Ao mesmo tempo, o goberno local tramita as axudas que desde organismos como a Deputación ou a Xunta póidanse xestionar, ou ata outras asociacións.

«Desde o colectivo de diminuídos físicos de Mos colaboraron para entregar unha cadeira adaptada para a bañeira e os operarios municipais están ao seu alcance para facer a mudanza ou trasladar os mobles que se salvaron a un almacén, que tamén prestamos nós», recorda a edil popular.

Fonte: La voz de Galicia
Artigo orixinal: http://www.lavozdegalicia.es/vigo/2009/03/31/0003_7624503.htm?idioma=galego

http://www.lavozdegalicia.es/vigo/2009/03/31/0003_7624503.htm (edición en castelán)

Proceso de selección de empregados no centro de desenvolvemento de Mos

Toda a actualidade de Mos

A empresa Kiabi, do sector téxtil, realizará mañá o seu proceso de selección de empregados nas instalacións do Centro de Desenvolvemento Local de Mos, en Puxeiros. á cita están convocadas máis de 100 persoas, entre as propostas pola firma e as promovidas pola asociación de empresarios do municipio. As probas comezarán ás 10 en horario de mañá e ás 16.00 pola tarde. A firma busca unhas 20 persoas para a súa nova planta na área de Vigo e que empezará a traballar para o mes de abril. A ela poderían unirse outras firmas da zona coas que Aemos negocia a xestión do proceso de selección, entre as que se atopan grandes multinacionais.

Fonte: La voz de Galicia
Artigo orixinal: http://www.lavozdegalicia.es/vigo/2009/03/31/0003_7624507.htm?idioma=galego

http://www.lavozdegalicia.es/vigo/2009/03/31/0003_7624507.htm (edición en castelán)

lunes, 30 de marzo de 2009

A asociación de discapacitados mosense Asodifisi pide axuda para unha furgoneta

Toda a actualidade de Mos

A deputada Nava Castro visitou o centro para coñecer o seu funcionamento


A deputada Nava Castro nunha visita a Asodifisi


A directora da Asociación de Diminuídos Físicos e Psíquicos do Concello de Mos (Asodifisi) pediu á deputada Nava Castro e á alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, axuda para adaptar a furgoneta que lle entregou a Deputación de Pontevedra para transportar a alumnos do centro.

A deputada do Partido Popular visitou as instalacións en compañía da alcaldesa e a concelleira de Benestar Social, Ana Rodríguez.

No seu percorrido polo centro, Castro visitou distintos talleres e puido comprobar as actividades desenvolvidas nun taller de lecer consistente na celebración dun bingo. Así mesmo, visitou as dúas aulas, unha cociña, un despacho no interior, o invernadoiro, un garaxe e unha parcela axardinada no exterior. A deputada interesouse enormemente polo traballo das educadoras sociais deste centro.
Nava Castro e Nidia Arévalo prestaron atención aos problemas ou dificultades do centro e comprometéronse a axudarlles na medida do posible.

Festa de primavera
Ademais, anunciaron unha "festa de primavera" con merenda incluída para os membros de Asodifisi, celebración á que Nava Castro dixo que estará "encantada" de acudir.
Por outra banda, a alcaldesa felicitou aos membros de Asodifisi polo traballo realizado no invernadoiro do centro, que fornece de plantas e flores a todos os parques e xardíns que os traballadores de "Aceesca Emprego" acondicionan.

Tamén aproveitou para falarlles do programa "Mos Alegre" do que regalaron chapas conmemorativas. Á súa vez, os rapaces de Asodifisi agasallaron ás invitadas con broches que eles mesmos realizan en talleres de manualidades e artesanía.

Fonte: farodevigo
Artigo orixinal: http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009033000_3_311200__Comarcas-asociacion-discapacitados-mosense-Asodifisi-pide-ayuda-para-furgoneta (edición en castelán)

martes, 24 de marzo de 2009

Mos levará o abastecemento de auga ata San Antoíño para poder outorgar licenzas

Toda a actualidade de Mos

O Concello adxudicou a obra o 4 de marzo, por 122.600 euros, e estará lista nun mes


Vecinos de Pereiras afectados pola falta de traída de augas

A urbanización de San Antoíño será das primeiras de Mos, de entre todas as zonas do municipio carentes de abastecemento de auga, en conseguir este servizo básico e necesario para obter unha licenza en núcleo urbano. Vecinos de Sanguiñeda, Puxeiros, Pereiras e os de San Antoíño continúan sen poder construír ao non cumprir os requisitos marcados pola lei de xuño de 2007, que esixe auga e saneamento para levantar viviedas. É unha situación de impotencia para os veciños, desesperados ao ver como, a pesar de ter parcelas coas dimensións apropiadas dentro de núcleo urbano, non poden comezar a construír unha casa ou continuar a edificación que xa iniciaran por carecer de traída de augas.

Aínda que serán dos primeiros beneficiarios, terán que esperar polo menos un mes a que a instalación estea finalizada. O Concello de Mos adxudicou a obra na urbanización de San Antoíño o pasado 4 de marzo e os traballos previstos, que custarán 122.600 euros, requiren dun prazo de execución de aproximadamente 30 días.
A contratación destas obras reflexa, segundo a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o obxectivo do goberno municipal de dotar a todas as zonas urbanas da localidade de abastecemento de auga nun tempo marca. "Algo fundamental para Mos", coinciden a alcaldesa e a concelleira de Urbanismo, Sandra Temes, "xa que a ausencia de traída de augas era a principal causa de denegación de licenzas de construción non Concello; e foi un tema que a anterior rexedora local, María Jesús Escudeiro, mantivo paralizado durante dous anos", explica.

A edil de Urbanismo insiste en que "agora coa instalación do abastecemento en San Antoíño iniciar ou desbloqueo dá non concesión de licenzas que houbo non municipio ata agora".

A xuízo do novo executivo local, en tres meses de xestión como goberno, "logrouse desbloquear un dous principais problemas do municipio, que é a deficiencia do abastecemento e a conseguinte paralización de licenzas".

Desde o Consistorio informan de que, ata a data, existía un importante número de licenzas para construír en San Antoíno paralizadas e 200 vivendas afectadas pola inexistencia de sistema de abastecemento no barrio.

Será a primeira urbanización en porse ao día nos servizos básicos, pero non a única. Segundo anunciou o goberno local, posteriormente, farase extensible ás zonas de Sanguiñeda, Puxeiros e San Rafael.

Combater as restricións
A de San Antoíño era "unha comunidade de veciños que dependía dunha traída de augas privada mediante un sistema de pozos que carrexaba cortes non subministración de auga durante a tempada estival", segundo explica a edil Sandra Temes. Por este motivo, no verán, producíanse restricións de auga "debido a que vos depósitos de auga existentes non eran suficientes, xa que ou número de vivendas superaba con fartura a capacidade de ditos depósitos", asegurou Temes.

Coa instalación do abastecemento, o Concello pretende mellorar os servizos para os veciños e reactivar a construción de fogares na urbanización de San Antoíño; algúns xa en marcha e outros proxectados. Así mesmo, o executivo mosense anuncia que a medida estenderase despois ao resto de zonas con este problema.

Fonte: farodevigo
Artigo orixinal: http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=2009032400_3_309231__Comarcas-llevara-abastecimiento-agua-hasta-para-poder-otorgar-licencias (artigo en castelán)

O II Concurso de Curtas da Prehistoria ponse en marcha para recibir os traballos antes do 11 de xullo

Toda a actualidade de Mos

O certame presentouse coa edil de Educación e Participación Cidadá, Julia Loureiro, representantes da Asociación Cultural Festa da Prehistoria e d

A concelleira de Participación Cidadá e Educación, Julia Loureiro, xunto con representantes das asociacións Cultural Festa da Prehistoria e Xuvenil Mos-Keo Colectivo, presentaron hoxe en rolda de prensa o II Concurso de Curtas da Prehistoria, do cal se acaba de abrir o prazo de presentación de traballos participantes. Este concurso surxiu como complemento da Festa da Prehistoria que se leva celebrando cada verán no Concello de Mos dende fai oito anos, e da que a vindeira edición terá lugar os días 7 e 8 de agosto.

A presentación desta mañá realizouse no salón de actos do IES de Mos para animar ós estudiantes a participares no certame. O prazo de presentación e inscrición de curtametraxes no mesmo rematará o venres día 3 do próximo mes de xullo.

Tanto Loureiro, en representación do Concello, coma Marcos Escudero, representando á Asociación Cultural Festa da Prehistoria, lembráronlles ós alumnos do instituto o “afortunados” que son ó contar no seu municipio cunha celebración histórica desta magnitude. Escudero apuntou que “nos meus anos mozos cando queriamos desfrutar dunha festa da historia tiñamos que desprazarnos ata Catoira ou Ribadavia e agora a tendes eiquí na casa, coma quen dí, así que anímovos a apoveitar ó máximo esta oportunidade”. Pola súa banda a edil de Educación e Participación Cidadá agradeceu ás dúas entidades organizadoras o seu esforzo para lograr facer realidade tanto o Concurso de Curtas da Prehistoria coma a Festa da Prehistoria e invitou ós rapaces presentes na rolda de prensa a participar en ambas iniciativas, “xa que é bo rememorar feitos históricos mediante a diversión e o festexo e non só a través de libros e clases maxistrais”, dixo.

Bases
A temática das curtametraxes que se presenten a concurso deberá ser a Prehistoria, podendo abordala dende diferentes perspectivas a través do documental, a ficción, a animación, o humor, entre outras. As curtas participantes non poderán exceder a duración máxima de 10 minutos e deberán entregarse en formato DVD, con caixa e carátula na que se especifique o título da obra e o autor, xunto cunha fotocopia do DNI do mesmo na concellería de Cultura do Concello de Mos. A entrega dos traballos pode facerse en man ou por correo no enderezo: Rúa Reguengo, s/n. 36415. Petelos. Mos.

O día 11 de xullo ás 19.00 horas proxectaranse no Pazo de Mos tódalas películas participantes no concurso e un xurado seleccionará as finalistas que serán exhibidas no parque da Penacova, en Mos, os días 7 e 8 de agosto durante a VIII Festa da Prehistoria. Durante estas datas o xurado decidirá cales son as tres gañadoras e, polo tanto, beneficiarias dos premios que consistirán: o primeiro en 300 euros, para a segunda clasificada serán 200 euros e a terceira finalista levará 100 euros. A entrega de ditos premios producirase o sábado 8 de Agosto, día grande da Festa da Prehistoria.

Os interesados en participar neste II Concurso de Curtas da Prehistoria poden solicitar máis información vía e-mail na dirección de correo electrónico: festadaprehistoria@gmail.com, ou ben no número de teléfono 647 00 59 10.

Fonte: VM
Artigo orixinal: http://www.vigometropolitano.com/news/163/ARTICLE/15071/2009-03-23.html

Fomento licita por máis de tres millóns de euros as obras para reparar o firme da N-550

Toda a actualidade de Mos

Goberno e veciños de Mos reclaman desde fai anos arranxos na estrada


A previsión do goberno apuntaba a esta primavera para inciar as obras de reparación

Tres millóns e un cuarto servirán para solucionar os problemas da estrada que une O Porriño e Redondela, acosada polas fochancas, as gretas e os problemas do asfalto. Ese é o custo do contrato das obras de conservación para reforzar e rehabilitar o firme que Fomento acaba de licitar.

As reparacións afectarán ao tramo comprendido entre os puntos 142 e 156 do viario, ao redor do cal viven uns 2.000 veciños e teñen a súa sede numerosas empresas.
Afectados e goberno local reclaman desde fai anos, como recolleu La Voz o pasado febreiro, a súa reparación. As actuacións previstas corresponden a un cambio na capa de rodaxe, selado de fisuras mediante a demolición do firme e escavación da chaira, perfilado e limpeza das cunetas e bordos e instalación de valos e postes en diferentes puntos.

Rotonda
Ademais, contémplase tamén outra das reclamacións dos veciños, que protestaban por ter que facer uns rodeos de catro quilómetros para poder dar a volta co coche.
Para evitar esta problema, proxéctase unha nova glorieta axardinada, no punto quilométrico 155 que se iluminará con catro báculos de dez metros e terá un diámetro de 19 metros de diámetro. Esta servirá para completar o enlace coa autovía A-52 e nela conectan cinco ramais. A súa execución requirirá a construción de dous muros de contención de formigón armado de 1,4 metros de altura máxima para minimizar os terreos que se teñan que expropiar.

Os traballos finalizaranse coa reposición das marcas viarias con pintura, a colocación de nova sinalización vertical e mellorar o balizamento.
A previsión inicial achegada apunta a esta primavera como data de comezo dos traballos, que buscan aumentar a seguridade viaria dos numerosos usuarios.

Fonte: lavozdegalicia
Artigo orixinal: http://www.lavozdegalicia.es/vigo/2009/03/24/0003_7609699.htm?idioma=galego

http://www.lavozdegalicia.es/vigo/2009/03/24/0003_7609699.htm (versión en castelán)

miércoles, 18 de marzo de 2009

Un ano despois as denuncias polo polígono de Mos dos veciños da Veigadaña non teñen resposta

Toda a actualidade de Mos

A Alcadesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Urbanismo, Sandra Temes Arnosi e técnicos municipais do Concello de Mos reuníronse hoxe cos veciños afectados polas obras do polígono da Veigadaña e cos responsables da empresa contratista encargada de realizar as excavacións de terreo na zona, que foron enviados por Xestur á xuntanza de hoxe en representación súa.

O motivo da reunión foi o estado no que permanecen, dende fai xa case un ano, as vivendas afectadas polas obras. “No mes de maio de 2007 os veciños fixeron as primeiras denuncias neste senso e a día de hoxe aínda non se lles arranxou nada”, declarou a rexedora local, quen considera a actitude de “pasotismo” de Xestur “inadmisible, xa que hai familias que teñen as súas casas abertas polas gretas, ou que se lles inundan cada vez que chove, chegando nun caso a caer a campá extractora de obra da cociña na vivenda dun dos afectados”. Os veciños presentes na reunión aseguran que no entorno das excavacións “hai ata 50 casas afectadas por gretas”.

Arévalo esixiulle onte ós tres responsables da empresa contratista que se persoaron onte na Veigadaña “que se lles preste atención ós veciños afectados e que se lle dean solucións inmediatas ós problemas nas súas casas”, “no caso contrario adoitaremos as medidas legais que sexan necesarias”, advertiu a alcaldesa, quen de permanecer estancada esta situación non dubidará en denunciar en comisión de goberno.

Os veciños síntense “ninguneados” por Xestur e esíxenlle que se fixen as súas indemnizacións de contado. A Alcaldesa apoia incondicionalmente a súa postura e, debido a que na reunión de hoxe os representantes da contratista non foron quen de darlles respostas nin solucións ós afectados, Arévalo emplazounos para o martes da semana que ven, “data na que espero que traian información dos casos e algo resolto, dicindo que medidas se van a adoitar, se non queren que dende o Concello emprendamos medidas legais”, declarou.

A rexedora municipal, Nidia Arévalo, manifestou tamén a súa esperanza de que acoda á vindeira reunión a xerente de Xestur, “que non se dignou a vir hoxe”, dixo; e pediulles ós representantes da empresa contratista que intenten pola súa banda que o martes que ben haxa na xuntanza cos afectados representación de Xestur.

Fonte: VM

O BNG mosense critica ao goberno de "deixación no mantenemento da depuradora"

Toda a actualidade de Mos

Os nacionalistas mosenses aseguran que están "fondamente preocupados" pola campaña de compostaxe caseiro. Neste sentido, critican a concelleira de Medio Ambiente, Ana Cabaleiro, que "non deu sinais de vida despois de catro meses"

Ademais censuran ao goberno actual que "está facendo deixación no mantenemento da depuradora, e por riba, os residuos que retiran, os depositan en leiras de veciños e veciñas, algo moi grave e que trae como consecuencia que restos de plásticos, e inmundicias varias, estean neste momento polo río abaixo, sin poder controlar os restos de materias contaminantes que poidan existir salpicadas polas fincas" acusan no seu comunicado.

"O BNG pide que se actúe na política medioambiental e pide á alcaldía que poña outra persoa no seu lugar, que a cambie de tarefas porque é un costo importante para o concello de Mos que esta persoa que ten salario de todos non teña siquera un mínimo control dos verquidos que se realizan desde o propio concello".

Engade o BNG que hoxe en día existen empresas especialidadas en recollidas de residuos e homologadas pola Xunta para o depósito destos verquidos en lugares controlados.

Fonte: VM

Alumnas do colexio de Sanguiñeda crean unha cuña de radio sobre Mos

Toda a actualidade de Mos


A concelleira de Educación, Julia Loureiro, presenciou o proceso de grabación da publicidade radiofónica municipal

Cinco alumnas do colexio de educación infantil e primaria da parroquia mosense de Sanguiñeda, Mestre Valverde Mayo, foron as encargadas de redactar e grabar unha cuña publicitaria para radio que promocionará ó Concello en diversas emisoras de ámbito local, autonómico e incluso nacional.

As estudiantes, todas expertas na comunicación radiofónica debido á vinculación que este centro ten coa radio, contando incluso cun estudio propio dende o que emiten o seu programa durante os recreos de luns a venres; acudiron esta mañán ós estudios centrais de Sí Radio en Ponteareas, acompañadas pola súa directora, María Luisa García Moreno, e a edil de Educación, Julia Loureiro, para grabar dita publicidade municipal en formato profesional. As rapazas contaron coa axuda e o asesoramento do técnico Jacobo Areal, quen lles ensinou como facer unha montaxe radiofónica en formato dixital, xa que elas traballan habitualmente na radio con medios analóxicos.

Loureiro declarou, tra-la experiencia desta mañán, que “iniciativas coma esta complementan moi positivamente a formación dos rapaces e lles abren os ollos ante os diferentes campos profesionais ós que poderán acceder nun futuro”.

Ademais a concelleira considera que “facendo ós nenos partícipes de temas institucionais, como pode ser a publicidade do Concello, coñecen máis en profundidade o seu municipio ó tempo que enriquecen a identidade do mesmo ó aportar a imaxe dun Mos visto dende os ollos dos seus habitantes máis cativos”.

Fonte: apeneiradalourina