viernes, 3 de abril de 2009

Celébrase este sábado no Multiusos das Pozas o II Aberto de Mos de Billarda e a gala final da liga LNB Sur 2008-2009

Toda a actualidade de Mos


O torneo comeza o 4 de abril a partir das 16 horas no exterior do Multiusos das Pozas, con inscrición libre e premios para os mellores xogadores e equipos

Este sábado ás 16 horas no exterior do Multiusos das Pozas, no concello de Mos, celebrarase o II Aberto de Mos de Billarda. O torneo está organizado pola LNB Sur, coa colaboración do Concello de Mos. No torneo participarán os xogadores e xogadoras dos 10 equipos que participan na LNB Sur (Conferencia Sur da Liga Nacional de Billarda). Pero ademais, a participación está aberta a todo o mundo, sen distinción de idade ou sexo. Os organizadores proveerán a todos os que se acheguen do material necesario para participar: tanto pinchas (ou billardas) como paláns (ou pateiros, que así se chaman os paus cos que se golpean as pinchas).

A participación no torneo é individual, e ademais poderán formarse equipos de máis de catro xogadores que sumarán os seus puntos para optar a proclamarse mellor equipo. A inscrición é gratuíta e non se require experiencia previa.

Último torneo da tempada 2008-2009 da LNB Sur
O de Mos é o torneo que cerra a tempada 2008-2009 da LNB Sur, a primeira tempada regular deste deporte que se organiza no Sur de Galicia. Na liga participaron máis de 150 xogadores e xogadoras de todas as idades, cunha asistencia media de 70 participantes por torneo. Desde setembro de 2008 ata abril deste ano celebráronse 8 torneos puntuables para esta liga: O Porriño (setembro), Moaña (outubro), Marín (novembro), Ponteareas (decembro), Vigo (xaneiro), Budiño (febreiro), Salceda de Caselas (marzo) e Mos (abril).

Na liga participan de forma regular 10 equipos. Cinco deles están formados basicamente por xogadores de Mos e O Porriño: Paquete Pinchas, Lideiras, Culombio, Se Foras Traballar e Branco e Negro. Completan a lista de equipos Almuinha (Marín), Faísca (Vigo), Treze Catorze (Salceda), Assembleia Aberta (Ponteareas) e Moaña (Moaña).

Que se decide este sábado?
Este sábado saberemos quen son os gañadores da LNB Sur, e quen se clasifica para desputar en Santiago de Compostela o 31 de maio o Play-Off Nacional, que reunirá os mellores de toda Galicia. Na clasificación individual xeral, todo se decidirá entre Rubén Otero (de Lideiras) e Chupi (de Paquete Pinchas). Na clasificación feminina, o campionato está entre Chus (de Se Foras Traballar) e Ana (de Assembleia Aberta). O equipo Paquete Pinchas xa ten asegurada a súa vitoria como mellor equipo da tempada.

Cal é o programa do sábado?
O programa deste sábado 4 de abril no Multiusos das Pozas (Mos) é o seguinte:

16:00h. Comezo do II Aberto de Billarda de Mos
19:00h: Remate do aberto.
20:00h. Gala da LNB Sur, coa entrega de premios aos mellores da liga e a todos os equipos participantes.
20:30 concerto de O Leo i Arremecághona (cantautor punk).

Entre as 19:00 e as 20:30 o Concello organiza de forma simultánea actividades de malabares e percusión africana.

Fonte: A peneira da Louriña
Artigo orixinal: http://apeneiradalourina.wordpress.com/2009/04/03/celebrase-este-sabado-no-multiusos-das-pozas-o-ii-aberto-de-mos-de-billarda-e-a-gala-final-da-liga-lnb-sur-2008-2009/

No hay comentarios: