viernes, 3 de abril de 2009

Asodifisi e as Escravas da Virxe Dolorosa asinan un convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para adquirir senllos vehículos

Toda a actualidade de Mos

Ambas asociacións recibirán unha axuda para a compra dunha furgoneta que lles subvenciona case o 80% do seu custo total


Francisca Canal, con Nidia Arévalo e Ana Cabaleiro, en Asodifisi

A deputada Francisca Canal visitou Mos esta mañá para asinar un convenio de colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra coas Escravas da Virxe Dolorosa e Asodifisi (Asociación de Diminuídos Físicos e Síquicos de Mos) para a adquisición dun vehículo para cada unha destas organizacións.

Canal acudiu ós centros nos que se atopan instaladas sendas asociacións pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e a concelleira de Benestar Social, Ana Rodríguez.

Mediante a sinatura deste convenio as entidades beneficiarias poden adquirir un vehículo Citroën modelo Jumpy Combi 140 do que tan só terán que abonar o 23,1% do custo total de 27.621 euros. Dita porcentaxe ascende a 6.380,45 euros, cantidade que tamén aportará a Deputación. Os outros dous patrocinadores son Citröen e Caixanova. A empresa automovilística fai, en cada furgoneta, un desconto do 30,7 % e a caixa de aforros aporta, ó igual que a Deputación de Pontevedra, o restante 23,1% do importe total.

Tanto no caso das Escravas coma de Asodifisi, cada vehículo matricularase ó nome da asociación beneficiaria, pasando a pertencer íntegramente á mesma.

O investimento global do convenio entre Deputación Provincial de Pontevedra, Caixanova e Citroën ascende a 1.200.000 euros destinados á dotación de vehículos a institucións e entidades sociais sen ánimo de lucro, con fins asistenciais ou deportivos para o transporte de persoas.

Durante as dúas sinaturas de convenios que se produciron esta mañán en Mos a deputada, Francisca Canal, gabou o labor de integración social das dúas asociacións e calificounas como “especialmente merecedoras destas axudas, xa que o seu traballo a prol dos diminuídos é encomiable e ten verdadeiro mérito”. Asimesmo a rexedora municipal amosouse satisfeita con este convenio “que axudará a seguir traballando a tódolos membros destas organizacións que, desinteresadamente, apoian as persoas con discapacidades da localidade e, en moitos casos, de toda a comarca”.

Fonte: VM
Artigo orixinal: http://www.vigometropolitano.com/news/163/ARTICLE/15322/2009-04-02.html

No hay comentarios: