viernes, 3 de abril de 2009

Aprendendo a cambiar un ‘bollycao’ por unha mazá

Toda a actualidade de Mos

É o que estiveron a facer ó longo da mañá os alumnos de 2º da ESO do IES de Mos coa axuda dunha nutricionista que clausurou o proxecto 'Almorzo'


Estefania Fragua e os alumnos

O programa piloto ‘Almorzos Saudables’ rematou onte no IES de Mos cunha actividade de clausura consistente en charlas dunha nutricionista profesional dirixidas ós alumnos de 2º da ESO que foron beneficiarios deste plan de almorzos.

Esta iniciativa, ó igual que o resto do programa piloto, está organizada pola concellería de Educación que dirixe a edil Julia Loureiro.

A técnico superior en Dietética e Nutrición que impartiu clases teórico-prácticas en horario de 8.30 horas a 14.10 horas chámase Estefanía Fragua Pérez e hoxe baseou o seu discurso en aportar pautas ós rapaces para que aprendan a alimentarse ben e sigan unha dieta equilibrada, segundo explicou. “É fundamental saber distrubuír a alimentación nos horarios e cantidades correctas, facer de tres a cinco comidas diarias, beber entre un litro e medio e dous litros de auga ó día, non restrinxir ningún tipo de alimentos e tomar comidas variadas”, dixo na primeira das súas charlas desta mañán, e insistiu tamén na importancia do exercicio físico para manter uns hábitos vitais saudables.

Estefanía Fragua considera como obxectivos fundamentais da súa labor, a concienciación, o aprendizaxe, a educación, a corrección de hábitos nocivos e que os alumnos lles trasladen ós seus pais o aprendido para poñelo en práctica na casa. Fragua Pérez insiste na importancia que cobra o papel dos proxenitores nas conductas alimentarias dos rapaces e asegura que “actividades coma esta non só deberían estar dirixidas ós estudiantes, senón tamén ós pais”.

A valoración desta nutricionista sobre o seu paso polo instituto mosense é “optimista”, segundo declarou, pero cre que “a pesares de que os rapaces se amosaron moi receptivos, aínda necesitan traballar moito máis sobre este tema”. Estefanía dí que “iniciativas como esta axudan a mellorar a alimentación dos máis xoves e, en consecuencia, a mellorar tamén a súa calidade de vida, dado que fomentan a diminución de enfermidades coma por exemplo a obesidade infantil”. “A pena é”, continúa, “que en xeral o sistema educativo actual non lle dá a importancia suficiente ó tema da alimentación”.

Fonte: VM
Artigo orixinal: http://www.vigometropolitano.com/news/163/ARTICLE/15331/2009-04-03.html

Celébrase este sábado no Multiusos das Pozas o II Aberto de Mos de Billarda e a gala final da liga LNB Sur 2008-2009

Toda a actualidade de Mos


O torneo comeza o 4 de abril a partir das 16 horas no exterior do Multiusos das Pozas, con inscrición libre e premios para os mellores xogadores e equipos

Este sábado ás 16 horas no exterior do Multiusos das Pozas, no concello de Mos, celebrarase o II Aberto de Mos de Billarda. O torneo está organizado pola LNB Sur, coa colaboración do Concello de Mos. No torneo participarán os xogadores e xogadoras dos 10 equipos que participan na LNB Sur (Conferencia Sur da Liga Nacional de Billarda). Pero ademais, a participación está aberta a todo o mundo, sen distinción de idade ou sexo. Os organizadores proveerán a todos os que se acheguen do material necesario para participar: tanto pinchas (ou billardas) como paláns (ou pateiros, que así se chaman os paus cos que se golpean as pinchas).

A participación no torneo é individual, e ademais poderán formarse equipos de máis de catro xogadores que sumarán os seus puntos para optar a proclamarse mellor equipo. A inscrición é gratuíta e non se require experiencia previa.

Último torneo da tempada 2008-2009 da LNB Sur
O de Mos é o torneo que cerra a tempada 2008-2009 da LNB Sur, a primeira tempada regular deste deporte que se organiza no Sur de Galicia. Na liga participaron máis de 150 xogadores e xogadoras de todas as idades, cunha asistencia media de 70 participantes por torneo. Desde setembro de 2008 ata abril deste ano celebráronse 8 torneos puntuables para esta liga: O Porriño (setembro), Moaña (outubro), Marín (novembro), Ponteareas (decembro), Vigo (xaneiro), Budiño (febreiro), Salceda de Caselas (marzo) e Mos (abril).

Na liga participan de forma regular 10 equipos. Cinco deles están formados basicamente por xogadores de Mos e O Porriño: Paquete Pinchas, Lideiras, Culombio, Se Foras Traballar e Branco e Negro. Completan a lista de equipos Almuinha (Marín), Faísca (Vigo), Treze Catorze (Salceda), Assembleia Aberta (Ponteareas) e Moaña (Moaña).

Que se decide este sábado?
Este sábado saberemos quen son os gañadores da LNB Sur, e quen se clasifica para desputar en Santiago de Compostela o 31 de maio o Play-Off Nacional, que reunirá os mellores de toda Galicia. Na clasificación individual xeral, todo se decidirá entre Rubén Otero (de Lideiras) e Chupi (de Paquete Pinchas). Na clasificación feminina, o campionato está entre Chus (de Se Foras Traballar) e Ana (de Assembleia Aberta). O equipo Paquete Pinchas xa ten asegurada a súa vitoria como mellor equipo da tempada.

Cal é o programa do sábado?
O programa deste sábado 4 de abril no Multiusos das Pozas (Mos) é o seguinte:

16:00h. Comezo do II Aberto de Billarda de Mos
19:00h: Remate do aberto.
20:00h. Gala da LNB Sur, coa entrega de premios aos mellores da liga e a todos os equipos participantes.
20:30 concerto de O Leo i Arremecághona (cantautor punk).

Entre as 19:00 e as 20:30 o Concello organiza de forma simultánea actividades de malabares e percusión africana.

Fonte: A peneira da Louriña
Artigo orixinal: http://apeneiradalourina.wordpress.com/2009/04/03/celebrase-este-sabado-no-multiusos-das-pozas-o-ii-aberto-de-mos-de-billarda-e-a-gala-final-da-liga-lnb-sur-2008-2009/

Asodifisi e as Escravas da Virxe Dolorosa asinan un convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para adquirir senllos vehículos

Toda a actualidade de Mos

Ambas asociacións recibirán unha axuda para a compra dunha furgoneta que lles subvenciona case o 80% do seu custo total


Francisca Canal, con Nidia Arévalo e Ana Cabaleiro, en Asodifisi

A deputada Francisca Canal visitou Mos esta mañá para asinar un convenio de colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra coas Escravas da Virxe Dolorosa e Asodifisi (Asociación de Diminuídos Físicos e Síquicos de Mos) para a adquisición dun vehículo para cada unha destas organizacións.

Canal acudiu ós centros nos que se atopan instaladas sendas asociacións pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e a concelleira de Benestar Social, Ana Rodríguez.

Mediante a sinatura deste convenio as entidades beneficiarias poden adquirir un vehículo Citroën modelo Jumpy Combi 140 do que tan só terán que abonar o 23,1% do custo total de 27.621 euros. Dita porcentaxe ascende a 6.380,45 euros, cantidade que tamén aportará a Deputación. Os outros dous patrocinadores son Citröen e Caixanova. A empresa automovilística fai, en cada furgoneta, un desconto do 30,7 % e a caixa de aforros aporta, ó igual que a Deputación de Pontevedra, o restante 23,1% do importe total.

Tanto no caso das Escravas coma de Asodifisi, cada vehículo matricularase ó nome da asociación beneficiaria, pasando a pertencer íntegramente á mesma.

O investimento global do convenio entre Deputación Provincial de Pontevedra, Caixanova e Citroën ascende a 1.200.000 euros destinados á dotación de vehículos a institucións e entidades sociais sen ánimo de lucro, con fins asistenciais ou deportivos para o transporte de persoas.

Durante as dúas sinaturas de convenios que se produciron esta mañán en Mos a deputada, Francisca Canal, gabou o labor de integración social das dúas asociacións e calificounas como “especialmente merecedoras destas axudas, xa que o seu traballo a prol dos diminuídos é encomiable e ten verdadeiro mérito”. Asimesmo a rexedora municipal amosouse satisfeita con este convenio “que axudará a seguir traballando a tódolos membros destas organizacións que, desinteresadamente, apoian as persoas con discapacidades da localidade e, en moitos casos, de toda a comarca”.

Fonte: VM
Artigo orixinal: http://www.vigometropolitano.com/news/163/ARTICLE/15322/2009-04-02.html