Celebraronse onte no CDL as entrevistas para traballar na multinacional Kiabi

Durante o proceso de selección celebrado onte no CDL, foron entrevistadas 120 persoas das cales o 80% eran veciños de Mos
Ó longo do día de onte celebrouse no CDL, Centro de Desenvolvemeto Local, mosense un proceso de selección multitudinario de futuros traballadores da área comercial que se atopa xunto ó Hospital Meixoeiro.
Dito proceso de selección forma parte dun Plan de Acción Urxente, dirixido a paliar a perda de emprego entre os habitantes de Mos e nas empresas ubicadas na localidade, que promove a concellería de Formación e Emprego que dirixe o tenente de alcalde, Gerardo Alonso, en colaboración con AEMOS (Asociación de Empresarios de Mos). Este plan enmárcase dentro do Pacto Local polo Emprego que, a súa vez, supón unha das iniciativas incluídas no convenio de colaboración asinado entre Concello, AEMOS e Cogami en xaneiro deste ano.
Segundo informou Gerardo Alonso, durante o proceso de selección celebrado onte no CDL, foron entrevistadas 120 persoas das cales o 80% eran veciños de Mos. A empresa demandante de novos traballadores é a multinacional Kiabi, unha empresa de confección e téxtil que pertence ó grupo empresarial de Auchan ou Alcampo, Decathlon, Leroy Merlyn, Derauto e Pimkie.
Alonso destacou ademais desta actividade que “o máis importante é que forma parte dunha política proactiva de emprego, algo esencial nos tempos que corren para lograr mellorar a 'empregabilidade' dos desempregados do municipio”. “Nós non creamos postos de traballo, o que facemos é adecuar a formación dos parados adaptándoa ó que as empresas máis demandan en cada momento”, dixo.
Neste senso José González Pérez, responsable do Plan Experimental de Emprego, Insere, que remata o vindeiro 14 de abril, informou de que “Concello e Asociación de Empresarios de Mos levamos un ano traballando con 75 desempregados da zona dándolles formación, prácticas en empresas, intermediación laboral e incluso, como é o caso de hoxe, conseguíndolles entrevistas de traballo”. “O que facemos é unha prospección de mercado para dirixir ós demandantes de emprego cara ás ofertas maioritarias, en definitiva, buscamos un punto de encontro entre empresas e traballadores”, expuña González, quen espera que o proceso de selección de hoxe se covirta no “primeiro paso para unha gran proxección de mercado”.
Á súa vez, o xerente de AEMOS, Francisco Domínguez, declarou sobre a iniciativa levada a cabo hoxe no Centro de Desenvolvemento Local mosense que “debido á enorme destrucción de emprego que se está a producir na actualidade, ós técnicos deste ámbito temos que agudizar o inxenio ao máximo e buscar recursos ou deseñar estratexias coma este masivo proceso de selección, que podería ser a primeira pedra de un plan de choque contra o desemprego no municipio de Mos”. Segundo Domínguez, os interesados en optimizar a súa forma de buscar traballo reciben no CDL sesións de búsqueda activa de emprego nas que se lles explica ós asistentes como innovar respecto a outros candidatos ó mesmo posto e outras estratexias que, tal e como el mesmo manifestou, “poden levar a un desempregado a se-lo elixido”.
Francisco Domínguez explica tamén que a clave para que procesos de selección coma o de hoxe se repitan é que a empresa demandante de traballadores, que neste caso é Kiabi, “quede satisfeita e volte a requerir a nosa intermediación como fío conductor de futuras seleccións de persoal. En realidade nós aforrámoslle traballo á empresa en cuestión, xa que facemos a primeira criba de candidatos e poñemos á súa disposición as instalacións e infraestructuras do CDL para realizar entrevistas e presentacións”, explica o xerente da Asociación de Empresarios.
Polo momento, o certo é que o grupo empresarial ó que pertence Kiabi, que conta con máis de corenta tendas por todo o territorio español, quere abrir outras catro en Galicia, co que pasarían a ser sete en total na nosa comunidade autónoma. Ademais Francisco Domínguez adiantou esta mañá que “estamos a negociar, xunto co Plan Local de Emprego, con outras firmas do grupo Auchan a posibilidiade de organizar dende aquí novos procesos de selección”.
O tenente de alcalde quixo recordar tamén que “nos próximos días Cogami, AEMOS e responables da concellería de Formación e Emprego do Concello de Mos, empezaremos a traballar físicamente xuntos nas instalacións do CDL”.
Fonte: VM
Artigo orixinal: http://www.vigometropolitano.com/news/163/ARTICLE/15277/2009-04-01.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario