miércoles, 4 de marzo de 2009

Comezan as actividades programadas para a Semana da Muller en Mos co obradoiro ‘A saúde a través do arte’

Este luns pola tarde, das 18.00 ás 20.00 horas, 26 mulleres desfrutaron do primeiro obradoiro ‘A saúde a través do arte’, que se celebrou na Asociación de Veciños Chan do Bosque en Amieirolongo, parroquia de Sanguiñeda.

Esta iniciativa que se enmarca no programa de actividades organizadas pola concellería de Benestar Social con motivo do Día Internacional da Muller que se celebra o vindeiro domingo, 8 de Marzo, está dirixida, tal e como explicou a edil Ana Rodríguez a semana pasada durante a rolda de prensa de presentación, "a todas as mulleres de Mos que queiran descubrir a arte como medio de expresión, crecemento e mellora persoais e reflexionar acerca dos seus procesos internos, sentimentos e emocións, nun espacio aberto á participación e ó diálogo e a través dun proceso creativo en grupo".

Estes obradoiros que serán un total de cinco, un diario, dende onte luns día 2 de Marzo ata o venres 6, están conducidos por dous monitores especializados en ‘Arteterapia’: Ismael Rodríguez Fraga e Isabel Campo Fernández. Ismael Rodríguez explica que os tres obxectivos fundamentais destes obradoiros son "a diversión dos participantes, que estes aprecien outras realidades diferentes das súas propias e que coñezan en profundidade ás persoas coas que comparten a dinámica de grupo".

Nestes obradoiros non importa o resultado artístico en sí, o verdadeiramente trascendente é o proceso creativo que leva ás participantes ata dito resultado, segundo declararon os monitores. Unha vez rematado o procedemento, as artistas por un día comentan o traballo que fixeron e intercambian opinións sobre as sensacións que experimentaron durante a realización do mesmo. Esta actividade persegue, segundo Ismael Rodríguez, fomentar os procesos inconscientes e a expresividade sen buscar en ningún momento un fin estético.

No obradoiro de onte, o primeiro da semana, as participantes desenrolaron a técnica do debuxo dinámico en grupo utilizando como materiais o papel continuo, lápis e ceras de cores. Cada día os materiais a empregar nestes obradoiros variarán e abarcaranse diversas técnicas artísticas. Hoxe as mulleres traballarán co pastel, mañá farano tamén con pastel pero realizando un exercicio diferente ó de hoxe, o xoves moldearán barro e arxila e o venres pintarán con aquarela. Cada técnica mellora unha patoloxía, segundo explicaron os monitores dos obradoiros; así para enfermos de artrosis resulta ideal o traballo cos pasteis polo rozamento da man sobre o papel, sen embargo unha persoa con esta doencia nunca debería de moldear barro. En canto á saúde emocional, os expertos, Ismael e Isabel, explicaron que "os traballos artísticos que incorporen figuras xeométricas serven para traballar a estructura persoal e pintar con pastel ou acuarela é ideal para persoas que pensan demasiado".

Sobre o obradoiro celebrado onte en Amieirolongo o monitor asegurou que "funcionou moi ben, as participantes implicáronse moitísimo e desconectaron ata tal punto que algunhas delas querían seguir traballando pasadas as dúas horas". E é que o mural que pintaron con ceras sobre papel quedoulles tan bonito que ata as propias artistas sorprendéronse co resultado. O vindeiro sábado, 7 de Marzo, exporanse no pazo de Mos tódalas obras confeccionadas nos obradoiros para mulleres realizados ó longo desta semana.

Fonte: vigometropolitano.com

No hay comentarios: