
Cartas aos empresarios, visitas polas casas e carteis polo concello. Son as bazas da asociación veciñal de Sanguiñeda para conseguir fondos e rehabilitar a casa queimada en Aguiño a pasada semana. O presidente da agrupación Ledicia ten xa confeccionados os carteis que repartirán por todo o municipio co obxectivo de recoller fondos e tamén negociar coas empresas que se encargarán da obra.
«Necesitamos todos os apoios posibles, algunhas firmas xa garantiron que só cobrarán polos materiais, dadas as circunstancias da familia afectada», apunta Jesús Rodríguez Antonio , presidente da asociación.
A idea é axudar aos parentes de Rodrigo Domínguez a reconstruír a súa vivenda, un reto imposible para eles pola situación económica que sofren. A súa nai está en cadeira de rodas e o traballo do seu tío, de subministración a panaderías e pastelerías, fraquea pola crise. Igual ocorre co do mozo, mecánico nun garaxe de camións nun polígono do Porriño, posto que os días de paro son xa unha realidade.
Ante esta situación e a falta de seguro da vivenda as obras vólvense complicadas. O lume non só derrubou o tellado e arrasou coa habitación de Rodrigo: as altas temperaturas que se concentraron na vivenda afectaron á estrutura e ao teito da primeira planta.
Na actualidade a parte baixa da vivenda está apontoada e chea de gretas polas que se coa a auga das choivas dos últimos días. De momento descoñecen o orzamento exacto que necesitan para rehabilitar a vivenda, «aínda que esperamos que sexa persoal do Concello o que achegue os técnicos e arquitectos necesarios para avaliar os traballos, -engade Jesús Rodríguez-porque senón os custos soben moito. Ata agora axudaron en todo o que podían, viñeron a preocuparse, con traballadores para apontoar a casa e tamén os servizos sociais».
Vivenda social
A idea da asociación, á que xa lle chegou algunha achega de concellos veciños, é comezar nos próximos días coa campaña e poder iniciar as obras canto antes. Na actualidade a familia de Rodrigo está instalada en casa da súa tía, aínda que espera por unha vivenda social que lle tramitan desde o Concello para poder mudarse mentres duren os traballos.
«Agora non é unha boa época para dar unha axuda pero se contamos coa colaboración de todos poderemos facer as obras», recorda o tío de Rodrigo xunto á leira. De momento no garaxe contiguo gardan parte das súas pertenzas e os mobles que se salvaron pese á calor e ao fume que alagou a casa durante a noite do incendio. Non é o único que queda deles no inmoble. Na porta principal, un cartel dá o número de teléfono de Rodrigo, para os veciños que queiran localizalo e tamén para os numerosos medios que nos últimos días achegáronse para contar a historia do lume na súa vivenda.
Fonte: lavozdegalicia e crtvg
No hay comentarios:
Publicar un comentario