
A edil de Cultura do Concello de Mos, Sandra Temes, asistiu a tarde de onte, mércores 4 de marzo, ó primeiro ensaio xeral da obra 'Pra que viría eu ó médico...! nin sempre é anécdota', realizado pola compañía de teatro Fontevella.
A representación desta obra terá lugar o sábado 21 de Marzo ás 20.00 horas no Pazo de Mos e surxe baixo o lema 'Teatro en primavera'. Trátase dun evento organizado por ASOMAMOS, Asociación de Maiores, Pensionistas e Xubilados de Mos, e no que colabora o Concello.
Os textos que estes veteráns actores interpretarán o día 21 foron escritos por un dos protagonistas da obra, Pepe Ramilo, e adaptados pola directora da mesma, Chelo Pampillón. Este colectivo de artistas afeccionados suma un elenco de 12 actores, 6 veciños do Concello de Mos e outros 6 do Porriño, un técnico de son e de iluminación e unha maquilladora. A media de idade é de 80 anos, pero as gañas de traballar, a ilusión e a profesionalidade son proporcionais á cantidade de anos vividos por cada un. Eles mesmos se autodefinen coma "almas xuvenís".
A agrupación Teatro Fontevella leva representando esta obra dende Outubro de 2008, mes no que a estrearon no Centro da Cultura do Porriño. Nese municipio actuaron tamén, levando este mesmo guión, no Centro Social de Maiores; e logo trasladáronse a outras localidades máis lonxanas coma Brión ou Budiño, acadando sempre, según declarou esta tarde a directora, Chelo Pampillón, "unhas boísimas aceptación e acollida". A do sábado 21, será a sexta vez que representan esta obra.
"Os ensaios realízanse polas mañáns, entre un e dous días á semana, excepto cando temos actuación, que intensificamos o traballo", informa Chelo, quen tamén declarou que "o teatro repórtalles moitos beneficios a nivel físico e psicolóxico ás persoas maiores: énchense de gañas, de responsabilidades... fano tan ben que é un pracer observalos". Na maioría das ocasións ata se confeccionan eles mesmos o seu propio vestiario para as obras.
Teatro Fontevella fundouse en 1995 e a meirande parte dos seus membros forman parte do grupo dende os seus inicios, "e iso nótase nas tablas, na experiencia", dí a súa directora; e engade: "e o mellor de todo é que non queren deixalo".
Sinopse
'Pra que viría eu ó médico...! nin sempre é anécdota' é unha escolma de feitos imaxinarios e anecdóticos, que ben poderían ser reais, acontecidos en consultas médicas. Capta ese 'certo aquel' das salas de espera que se soen converter en tertulias nas que se chega a falar do tempo, das colleitas, das festas, dos veciños, das veciñas e, como non, das doenzas. E aborda tamén a problemática do escaso tempo do que dispoñen os médicos para atender ós seus pacientes. Todo tratado con humor e buscando a diversión de cada espectador dos que se atopan entre o púbico.
Fonte: vigometropolitano
No hay comentarios:
Publicar un comentario